Wednesday 15 de May de 2024

Rematan as obras de mellora das pistas A Ameixeira-Carballedo e Nouche-Recouso


Desenvolvidas nas parroquias de Buscás, Beán e Marzoa, as intervencións están incluídas no POS 2018 adicional. O orzamento total supera os 183.000 €

Esta mañá os concelleiros de Obras e Infraestruturas e Medio Ambiente, José Antonio Cabeza e Ana Soneira respectivamente, realizaron unha visita ás pistas que van da Ameixeira a Carballedo, na parroquia de Buscás, e de Nouche a Recouso. Ambas remataron recentemente e están incluídas no POS 2018.

A primeira delas conta cun presuposto total de licitación (IVE incluído) de case 111.000 euros. Grazas a este investimento ao longo dos últimos días realizáronse labores de mellora na capa de rodaxe con aglomerado quente sobre unha lonxitude de 1.600 metros e 5 metros de ancho, así como en 245 metros cadrados de sobreancho. Previamente volvéronse tapar fochas e aplicouse grava naqueles puntos necesarios, ademais dun tratamento asfáltico semiprofundo.
O proxecto tamén contempla a limpeza de gabias e salvagabias para unha correcta drenaxe lonxitudinal e transversal, ademais da sinalización horizontal da vía.

Polo que respecta á pista que une os puntos de Nouche (Beán) a Recouso (Marzoa) traballouse sobre unha lonxitude de 1.250 metros e 5 metros de ancho, con 225 metros cadrados de sobreancho. Ao igual que no caso anterior mellorouse a capa de rodaxe aplicando unha nova capa de aglomerado quente, tras a reparación previa de fochas e perfilado de mordentes. Tamén se mellorou a súa drenaxe grazas á limpeza de gabias e salvagabias.

Aquí o presuposto total de licitación (IVE incluído) foi de algo máis de 72.300 euros.